miércoles, 27 de mayo de 2015

CURSO DE CONSERVACIÓN E XESTIÓN DE HUMEDAIS

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), coa colaboración da Deputación de Lugo, organiza unhas xornadas centradas na conservación e xestión dos humidais que terán lugar os días 10 e 11 de xuño en Santiago de Compostela, no auditorio da Fundación Empresa – Universidade Galega (FEUGA). As xornadas desenvolveranse en horario de tarde de 16:00 a 20:00.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer a importancia dos humidais na conservación da biodiversidade, o estado actual deste tipo de hábitats, así como a presentación de accións concretas de conservación dirixidas a manter o seu valor ecolóxico. Participarán diferentes investigadores das universidades de Galicia, xestores de espazos naturais e outros expertos en conservación e xestión de humidais.

Estas xornadas enmárcanse no proxecto LIFE+ TREMEDAL (Humidais Continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e Restauración de Turbeiras e Medios Higrófilos) que ten entre os seus obxectivos establecer canles de información entre os distintos grupos de interese implicados na xestión dos servizos ambientais que proporcionan os humidais en xeral, e as turbeiras e medios higrófilos en particular.

A inscrición ás xornadas é gratuíta ata completar o aforo. Para inscribirse débese enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo: xestioneventos@usc.es, indicando no asunto da mensaxe “Xornadas de Conservación e Xestión de Humidais” e achegando os seguintes datos: Nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto.

Para obter máis información sobre o programa pode facer chegar as súas consultas a través do teléfono 881816329, do correo electrónico xestioneventos@usc.es, ou consultar a páxina web do Ibader: www.ibader.org.



Área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables
Deputación de Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario