Hai uns días lin na prensa de Lugo que algúns rapaces, nas aulas da súa escola, están a aprender certas burradas. É por iso que, indignada, determinei lanzarme a escribir unhas liñas coa miña opinión sobre o asunto. Hai xa máis dun mes que veño detectando no libro de coñecemento do medio do meu fillo de 7 anos contido...s que non se axustan á verdade,... burradas, vaia. Comenteino con varios pais dos demais compañeiros de 2º de primaria e semella que isto é algo que está a preocupar, sobre todo dende que falamos uns cos outros e vemos que non é mera coincidencia nin unha das erratas que todos podemos comprender que existan nos libros. Isto é moito máis grave, e agora xa imos vendo que afecta a varios centros e a varias editoriais de amplia tirada no noso Estado. De sempre escoitei que para non ser un burricán hai que estudar, e que o que está nos libros é o que hai que aprender... pois... se ven nos libros, que están escritos por expertos no tema exposto, debe ser verdade. Nestes días, e preocupada polo tema, veño de comprobar que os meus libros da primaria viñan co texto revisado e aprobado polo Ministerio de Educación, como unha garantía de calidade. Semella que agora ningún organismo oficial está a facer ese labor, léase, de revisar os textos que han estudar os rapaces e confirmar que son de calidade. O que parece é que cada editorial se responsabiliza dos contidos e xa está. É ben certo que o aspecto dos libros de agora é ben atraínte e estimulante para os nenos. Tamén nótase que tentan tratar os temas dun xeito sinxelo para os cativos,... pero de ahí a contar mentiras vai un bo treito. A min, como nai e estudiante continua na miña profesión, non me vale que o envoltorio sexa moi fermoso se despois o contido é unha porcallada e non se axusta á realidade que se quere expoñer. Eu non dou creto aos meus ollos cando leo que "o pescozo é unha articulación do tronco e a cintura outra". Ata onde eu sei, o pescozo contén varias articulacións, ademais de vasos sanguíneos, músculos, parte da tráquea e o esófago... e a cintura non é unha articulación, aínda que por ahí se dobre o corpo. Se non lles queren complicar os contidos, pois non é necesario meterense nas patacas: o pescozo é, simplemente, a parte do corpo que une a cabeza co tronco. Cousas de semellante calibre pódense atopar no capítulo dos vertebrados, ou no dos réptiles ou os anfibios... e xa non sigo, que me mareo. Cando eu envío ao meu fillo á escola, o que espero é que aprenda e que o faga ben, non ao revés que o resto dos nenos do mundo. O que espero é que o seu esforzo por memorizar uns contidos, non sexa en vano.O que espero é que o mestre non teña que estar cada día repasando se os contidos do libro de texto están ben ou non, e corrixindo, e véndose na comprometida situación de ter que dicirlles aos seus alumnos que o seu libro non dice a verdade, ... coido que ten traballos mais importantes que facer que ser un inspector de textos. Quizáis é mellor non usar libros de texto preestablecidos de baixa calidade, que ninguén revisa e que, nembargantes, sí que serven para enriquecer ás editoriais que nin sequera se molestan en contrastar a exactitude dos seus propios contidos. Se cadra, quizáis debéramos achegarmos a outros modelos de ensino do noso entorno europeo, nos que non se usan libros de texto, senón que se ensina ao alumnado a elaborar cadaquén o seu propio "libro".Quizáis sería máis motivador e enriquecedor para os nosos fabulosos mestres e alumnos traballar dun xeito máis creativo: atopando eles mesmos información verídica a partires das propias experiencias e búsquedas, tutorizados pola inestimable profesionalidade dos mestres e mestras que tantos e tan bos coñecementos teñen, e confiando na grande capacidade de aprendizaxe que teñen os nosos fillos cando están ben motivados. Dende logo que aprendendo dun libro do que non non podemos fiar non imos a ningures. Esta é a miña opinión, alomenos mentres non haxa unha responsabilidade expresa dos gabinetes de Educación na revisión dos contidos dos libros de texto para que sexan exactos e de boa calidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario