Roteiros artesanais no CENTRAD polos días europeos de artesanía
Os interesados en participar nas rutas artesanais teñen do 21 ao 29 de marzo, para enviar un correo a
info.centrad@deputacionlugo.org
indicando os seus datos persoais: nome completo, DNI, número de
teléfono e a ruta específica do seu interese. A selección de
participantes farase por rigoroso orden de inscrición. O Centro de
Artesanía e Deseño achega para as rutas aos obradoiros dos artesáns da
provincia buses, totalmente gratuítos, que sairán todos os días ás 9:00
horas na Rolda da Muralla, diante da Capela de Santa María.
Ademais, durante os
Días Europeos da Artesanía, o Centro de
Artesanía e Deseño ofrecerá xornadas de portas abertas, totalmente
gratuítas para os lucenses, nas que poderán visitar a Exposición
Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os
obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais. O horario é de
10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Roteiros
O venres 31 de marzo: terá lugar a ruta polos obradoiros artesáns da cidade de Lugo, que contan con 2 microbuses.
A ruta do primeiro é a seguinte:
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:15 a 9:45 horas visita a
Barro en Vivo.
- De 10:00 a 11:00 horas visita a
Traxandaina.
- De 11:15 a 11:45 horas visita a
Mi madre no lo sabe.
- De 11:50 a 12:30 horas visita a
Quercur.
- De 12:45 a 13:15 horas visita a
Pátina.
- De 16:00 a 17:00 horas visita ao
Obradoiro Lis.
- De 17:15 a 18:15 horas visita a
Augatina.
- De 18:30 a 19:30 horas visita a
Amalgama.
A ruta do segundo microbús é a seguinte:
- Ás 9:30 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:45 a 10:30 horas visita a
Barro en Vivo.
- De 10:45 a 11:45 horas visita a
Traxandaina.
- De 12:00 a 12:30 horas visita a
Mi madre no lo sabe.
- De 12:35 a 13:15 horas visita a
Quercur.
- De 13:30 a 14:00 horas visita a
Pátina.
- De 17:00 a 18:00 horas visita ao
Obradoiro Lis.
- De 18:15 a 19:15 horas visita a
Augatina.
- De 19:30 a 20:30 horas visita a
Amalgama.
O sábado 1 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns da mariña lucense.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 10:20 a 12:00 horas visita a
Regal Cerámica.
- De 12:15 a 13:30 horas visita a
Oscar Rodríguez.
- De 15:30 a 17:30 horas visita a
Astilleros Fra.
- De 18:30 a 20:00 horas visita a
Taller Estampa.
O domingo 2 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns do sur da provincia.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:40 a 11:10 horas visita a
Arxemil Luthier.
- De 11:50 a 13:30 horas visita a
En Lá.
- De 15:45 a 17:00 horas visita a
Rectoral Gundivós.
- De 18:15 a 19:30 horas visita a
Armaior.
Obradoiros participantes
- Amalgama: é un espazo dedicado á artesanía
en xeral e aos oficios da pratería e cestería en particular que se suma á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas ao
público para que coñezas de cerca o traballo dos seus propietarios.
Carmen Fieiras dedícase á cestería desde fai vinte anos, conxugando a
produción das súas coleccións de cestería de estilo actual e vivaz
colorido, coa organización de cursos de cestería para todos os públicos.
O seu socio Adolfo Domínguez tamén imparte formación, é prateiro e
conta cunha ampla traxectoria profesional que evolucionou ata a creación
de pezas contemporáneas nas que incorpora materiais nobres como a
madeira, a lousa ou os coñecidos ollomaos.
- Armaior: celebra os Días Europeos da
Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos os interesados na
tornería de madeira de oliveira. O taller atópase situado no lugar de
Toca, Quiroga ao pé da serra do Caurel e en plena Ribeira Sacra na
provincia de Lugo. Os seus responsables Pablo e Álvaro Rodríguez contan
cunha ampla traxectoria profesional no sector da carpintería tradicional
e o traballo con madeiras autóctonas, que derivou nos últimos anos na
creación dunha liña de pezas utilitarias e decorativas de madeira de
oliveira que polas súas características antibacterianas fana perfecta
para o seu uso culinario. Fontes, morteiros, táboas, creadas de forma
totalmente artesanal de formas suaves, torneadas coa sensibilidade e o
respecto do que coñece os bosques máxicos e nutricios.
- Augatinta: celebra os Días Europeos da
Artesanía abrindo as súas portas para todos aqueles interesados no mundo
do gravado. Un centro integral dedicado á produción de elementos de
papelería singulares como cartóns, invitacións, soportes para envíos
personalizados, agasallo de empresa ou obsequio institucionais; onde
ademais poderás formarte da man dos mellores especialistas en técnicas
que van desde o máis tradicional (augaforte, punta seca, verniz brando,
augatinta, xilografía e linóleo) pasando polo máis actual (fotogravado
non tóxico e verniz acrílico) ata as técnicas máis novas, experimentais e
interdisciplinares.
- Arxemil Luthería: súmase á celebración dos
Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a todos
aqueles interesados no mundo da construción de violíns, violas,
violoncelos e zanfonas. O taller atópase situado en pleno Camiño de
Santiago, en Sarria, provincia de Lugo onde a influencia xacobea deixou
pegada nesta localidade na que tradicionalmente proliferaron os
construtores de instrumentos musicais. Xermán Arias é o herdeiro deste
bo facer e coñece como ninguén as claves para un bo instrumento.
Participou na reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria e fai
soar a zanfona sempre que a ocasión mereza a pena, aínda que é no mundo
da música clásica onde ten a maioría dos seus encargos.
- Estaleiros Fra: súmase á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a
todos aqueles que estean interesados en introducirse no mundo da
navegación e a carpintería de ribeira. O estaleiro atópase situado na
marxe dereita do río Cobo, no porto de San Ciprián, na provincia de
Lugo. Conta cunha experiencia de máis de dous centos anos construíndo e
reparando embarcacións de todo tipo: desde a chalana máis pequena ata un
cargueiro de vinte e oito metros de eslora, pasando por todo tipo
veleiros e embarcacións de pesca ou recreo. Francisco Fra é o último de 7
xeracións de carpinteiros de ribeira que constrúe, navega e fala coa
paixón do que forma parte dun anaco da historia da Galicia mariñeira.
- Barro en Vivo: súmase á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a
todas aquelas persoas interesadas no mundo da cerámica artística como
vehículo de crecemento integral no mundo educativo, tanto polas súas
posibilidades de relación coa contorna, como polas súas prestacións no
desenvolvemento afectivo, cognitivo, emocional, mellora de confianza e
autoestima das persoas. Compaxinan o seu traballo de peza única de
carácter escultórico e trazos hiperrealistas, coa produción de pequenas
series de produtos decorativos feitos de forma totalmente artesanal, e a
celebración de talleres e campamentos educativos en toda Galicia.
- Centro Oleiro Reitoral de Gundivós:
Pola súa historia e características xeográficas Galicia é territorio
onde proliferan os oficios tradicionais vinculados a sectores produtivos
primarios. Un dos oficios máis ancestrais é a olería, esencialmente
rural, que nos traslada nos seus produtos unha mensaxe étnica e de
autenticidade, que a principios deste século tivo unha gran influencia
na sociedade e economía de zonas como Gundivós, municipio de Sober en
plena Ribeira Sacra, onde nos seus mellores tempos chegaron a traballar
uns trinta oleiros. A olería máis ancestral de Galicia, quizais tamén a
máis primitiva de España, tal vez houbese desaparecido xa se non fose
por un mozo que se resistiu a seguir o mesmo camiño dos seus veciños e
resolveu continuar coa tradición do seu bisavó. Con axuda da súa familia
José Elías González comprou a casa reitoral, rehabilitouna e
converteuna nun taller museo onde se recollen pezas históricas e
elementos etnográficos da zona ao redor dun encantador espazo onde
tornea os famosos xarros sobre o torno de man de orixe romana, para
terminar afumando cada peza conforme manda a tradición.
- En Lá: súmase á celebración
dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos
aqueles interesados na elaboración do feltro, material ao redor do cal
Pilar Rodríguez Gonda confecciona pezas únicas e totalmente
personalizadas: broches, diademas, chapeus, bolsos, colares, panos, e
vestidos cun estilo propio influenciado pola paisaxe da súa contorna. Na
súa tenda taller tamén poderás atopar producións doutros artesáns
dedicados á fabricación de complementos de moda dos sectores da xoiería,
bixutería, marroquinería, elaboración de zocos e cestería.
- Estudio Estampa: é un
estudo de deseño e serigrafía independente situado en Mondoñedo,
provincia de Lugo. As súas novas propietarias Julieta e Lucía Vargas
herdaron os coñecementos dos seus pais, serigrafistas cunha longa
traxectoria artística e profesional, e ampliáronos cara aos campos do
deseño gráfico e o deseño de moda. A súa especialidade é a creación de
marca, ilustracións e produtos para pequenos ou grandes proxectos.
Traballan por encargo creando conceptos visuais e impresións non
convencionais sobre distintos soportes de téxtil e papel. Tamén deseñan
as súas propias coleccións de fogar e complementos de moda que
comercializan en feiras e eventos tanto de carácter local como
internacional, compaxinando este labor produtivo coa organización de
actividades educativas ao redor do seu oficio.
- Xosé Luís Latas Vilanova: máis coñecido en
ambientes profesionais como Lis Latas, pertence a unha brillante
xeración de artesáns nos que conflúen todos os saberes e técnicas
tradicionais de construción coas máis avanzadas investigacións
destinadas a mellorar o instrumento galego por excelencia: a gaita. Lis
ocúpase escrupulosamente da selección de madeiras e o seu tratamento,
concedendo especial atención aos distintos tempos de manipulación da
madeira. Adapta e constrúe expresamente todo tipo de ferramentas de
primeira calidade para a fabricación das súas gaitas, e traballa con
perfección a afinación do instrumento, combinando as variables
fundamentais que teñen incidencia directa na súa sonoridade. Todo para
conseguir un instrumento selecto e profesional con timbre propio que
combina o mellor da estética sonora antiga coa minuciosidade na
afinación.
- Mi Madre no me deja: súmase á celebración
dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a
todos aqueles interesados en coñecer o seu imaxinario: debuxos,
ilustracións e esculturas transformadas en obxectos de uso cotián como
vaixelas, cerámica e téxtiles de todo tipo. Traballan a serigrafía
artesanal de forma directa no téxtil e indirecta sobre cerámica, técnica
e material que permítelles enlazar o mundo da arte e a artesanía de
forma armoniosa e complementaria.
- Oscar Rodríguez Joyeros:
Cunha traxectoria profesional de máis de trinta anos Óscar Rodríguez
dirixe un dos máis prestixiosos talleres de xoiería de España,
especializado na creación de pezas únicas, exclusivas e de gran calidade
das que non se fan moldes e cuxa comercialización se canaliza a través
de exposicións e feiras de carácter profesional. Traballa con todo tipo
de metais, perlas e pedras preciosas, aínda que o seu traballo máis
internacional é o coñecido como “tesouros do mar e a terra”, onde
incorpora cunchas e madeiras seleccionadas que manipula con maxistral
destreza e precisión ata obter verdadeiras obras de arte. O seu taller
emprázase no casco antigo de Viveiro, nun edificio rehabilitado para
albergar tres zonas: a de preparación do material, a zona de traballo
onde se monta, se engasta e se pule, e a zona de deseño e organización.
- Pátina: súmase á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas aos
apaixonados do mundo da restauración de mobiliario. Un taller onde non
se arranxan mobles senón que se restauran para devolverlles a súa
funcionalidade na medida do posible e onde sobre todo respéctase a súa
esencia e integridade. O seu responsable, José Luis Estar non repara en
dedicar o esforzo e tempo necesarios para investigar sobre a historia de
cada peza, conseguir os elementos accesorios adecuados e conservar a
pegada da experiencia que outorga a cada moble unha singular beleza e
valor engadido.
- Quercur: súmase á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu
taller a todos aqueles coleccionistas ou curiosos interesados no mundo
das fundas para coitelos, navallas e armas históricas, armaduras e
corazas de coiro, complementos para motociclistas custom, complementos
para home fortemente inspirados na tradición vaqueira americana e
artigos para actividades ao aire libre inspirados nos aventureiros e
tramperos do século XIX. Achégate a descubrir o agarimo e a paixón coa
que José Ramón Melchor afronta cada paso do seu traballo: deseño,
repuxado, policromado, mateado, cosido todo con calma, ata obter unha
peza ruda, cálida e elegante que perdurará no tempo.
- Regal Cerámica: súmase á
celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a
todas aquelas persoas interesadas nunha cerámica de marcado carácter
diferencial. Os seus talleres atópanse no complexo cultural e museístico
Regal Xunqueira, en Viveiro. Están especializados no traballo con gres
porcelánico cocido a 1.330º e as súas pezas distínguense polo seu
deseño, creatividade, innovación e orixinalidade. Ademais levan máis de
30 anos presentes no mercado da artesanía e tendas de agasallo.
- Traxandaina: celebra os
Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos
aqueles interesados na investigación e reprodución de pezas antigas de
indumentaria tradicional. Nos seus teares dan vida a vellos picotes,
gorullos e levantados, aos que dan a cor e a textura de outrora para
confeccionalos con técnicas que reproducen fielmente o espírito e saber
facer dos seus antepasados.