PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
Manifesto
“NON ÁS REVÁLIDAS”
·
O estabelecemento
da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato,
que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes,
pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos.
Responden, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da
educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do
dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos
compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de
oportunidades.
·
É unha tiranía exixirlle ao alumnado que se xogue o seu
futuro académico co resultado dunha reválida.
É unha aberración, desde o punto de vista pedagóxico, sometelo a unha
presión innecesaria, mediante probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores,
sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas
e as capacidades e actitudes do alumnado.
·
Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezando a
adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical
e refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a
formación integral do alumnado.
·
Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración
e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe
avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo
e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego.
·
Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo
docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para
coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado,
así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e
o rendemento escolar.
·
Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que
estará totalmente sometido e condicionado a orientar o seu traballo docente a
preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación
final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha
formación o máis completa posíbel.
·
Responden á pretensión de conformar rankings de centros,
segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características
do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando
unha rede elitista que contará con máis medios e recursos
·
Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo,
clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación
e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
·
Continúan cunha desconsideración absoluta co alumnado con
necesidades específicas de apoio educativo, co profesorado que o atende e coas súas
familias, deixando á improvisación todo o relacionado coa organización das
probas para este colectivo.
Galiza, 5 de
outubro de 2016


